A resposta de Feijóo ao lume de Fandicosta, mostra de "estupidez política manifesta"

A resposta de Feijóo ao lume de Fandicosta, mostra de "estupidez política manifesta"

A resposta de Feijóo ao lume de Fandicosta, mostra de “estupidez política manifesta”

O deputado socialista Abel Losada acusou hoxe ao Goberno galego de responder ao incendio de Fandicosta con “incompetencia, arbitrariedade, mala fe ou na defensa dos intereses espurios das empresas privadas que xestionan os parques de bombeiros de Galicia”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que censurou a “estupidez política manifesta” demostrada polo presidente da Xunta nas súas intervencións posteriores.

O responsable socialista sinalou que, de acordo co informe dos bombeiros de Vigo, en só unha hora o 112 denegou a súa mobilización a pesares de situarse a 8 minutos do lume, e enviou aos de Cangas, Porriño e Ribadumia. Lembrou que a diferenza é que mentres os de Vigo son un servizo público municipal, os demais son xestionados por empresas privadas, entre elas FCC.

Advertiu que mentres o presidente da Xunta aseguraba que non faría distincións entre os bombeiros polo seu centro de traballo “si que distingue entre os sistemas” de xestión, priorizando o privado fronte ao público.

Estupidez política

Ademais, sinalou que a resposta pública do presidente da Xunta a esta crise constitúe unha “estupidez política manifesta” por canto agradeceu o traballo dos bombeiros, e en particular aos de Vigo por poñerse a disposición da central de emerxencias. A realidade, engadiu, é que “saltáronse a orde” de non acudir “porque o lume estaba chegando aos depósitos de amoníaco”.

Losada lembrou que o lume ameazou dous depósitos de 5.000 litros de amoníaco e produciuse precisamente a carón de varias vivendas e mesmo de dous estacións de servizo. Criticou ademais que Feijóo acusara ao alcalde de Vigo de “buscar culpables para non asumir responsabilidades” e ironizou co feito de que “vai resultar agora que a culpa do lume é do alcalde de Vigo”.

O deputado socialista lamentou o “escaso e lento aprendizaxe” demostrado polo goberno galego, que intentou aplicar neste sinistro o mesmo esquema do lume que en maio de 2009 fixo arder 18 naves no polígono industrial de Arteixo. Daquela a Xunta impediu a intervención dos bombeiros do parque municipal de A Coruña, situado a 3 quilómetros do lugar, e obrigou a acudir aos do parque mancomunado de Arteixo.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar