A resposta da Xunta "é cero" ante as ameazas para a industria auxiliar da automoción

A resposta da Xunta "é cero" ante as ameazas para a industria auxiliar da automoción

A resposta da Xunta “é cero” ante as ameazas para a industria auxiliar da automoción

O PP vén de rexeitar as medidas propostas polos socialistas para crear unha Comisión non permanente de Estudo no Parlamento que aborde a problemática de deslocalización da industria auxiliar de automoción, así como unha revisión en profundidade do Plan estratéxico da automoción en colaboración con Ceaga para afrontar as ameazas globais e de competencia que afectan ao sector. O portavoz de industria do grupo socialista, Abel Losada, lamenta que a resposta da Xunta “é cero” e esixe abrir “espazos de reflexión e análise”.

Losada censura a política “de powerpoint, publicidade e propaganda” e a “autocomplacencia” do goberno galego. “Que saian a dicir que non pasa nada é lamentable”, di o socialista, que lembrou que o conselleiro de Industria e os empresarios aseguraron que nin o Brexit, nin Trump, nin a situación xeopolítica internacional teñen ningún efecto. “Debe ser o único lugar do mundo no que pasa”, ironizou. O deputado cualificou tamén como un “insulto á intelixencia” que a Xunta diga que a compra de General Motors por parte de PSA non ten ningunha relevancia para a fábrica de Vigo.

“No discurso do PP non están os traballadores”
O socialista lembrou a preocupación dos sindicatos, que reclaman solucións e que se estude a posibilidade de denunciar a Portugal por competencia desleal, e afirmou que “no discurso político do PP non están os traballadores”. Losada lamenta que o goberno galego faga “deixación de funcións” e lembra que está ben que haxa mercado e competencia pero “regulación toda a necesaria”, parafraseando a Willy Brandt, sobre todo con datos de desigualdade como que os contratos por unha semana se triplicaron desde 2012. “As protestas dos traballadores responden a un malestar obxectivo, ninguén protesta de maneira gratuíta e hai un problema importante en termos laborais, cunha estratexia da dereita para competir vía salarios en vez de vía innovación”, afirmou.

Losada expuxo que o problema de competencia con Portugal e Marrocos é “indubidable”, e ironizou con que a unta diga que se vai solucionar dixo cun programa de businnes factory de 1,2 millóns en catro anos: “Igual hai un programa secreto que non coñecemos”, dixo. “Non podemos competir vía salarios con Portugal, pero si en chan industrial, en innovación, e no prezo da enerxía eléctrica que sube máis en Galciia que no resto de España”, apuntou o socialista, que censurou tamén que todo o plan da Xunta para a Plisan sexa un dron que vai sobrevoar as obras. “Para ver un oco de quince metros de profundidade cheo de auga non fan falta drons”, zanxou.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar