A redución de deputados que quere impor Feijóo limita a representatividade e o labor de control ao Executivo

A redución de deputados que quere impor Feijóo limita a representatividade e o labor de control ao Executivo

A redución de deputados que quere impor Feijóo limita a representatividade e o labor de control ao Executivo

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, dixo hoxe que a redución do número de deputados que quere impoñer Feijóo “reduce a representatividade e limita o control do Parlamento sobre o goberno”. Na xuntanza convocada hoxe polo PP, o responsable socialista advertiu que “a redución do número de deputados é unha liña vermella para o PSdeG”.

Losada dixo que os socialistas rexeitarán calquera proposta que supoña limitar o número de deputados por canto supón reducir a democracia e limitar o papel da Cámara autonómica. Dixo que reducir os deputados é unha “estratexia equivocada” por canto reduce a pluralidade precisamente “cando a sociedade esixe mais participación e mais transparencia e reivindica o dereito a estar representada no Parlamento”.

Explicou que a proposta “limita as posibilidades de control” ao Executivo, o que evidencia unha medida “de parte, que beneficia os intereses do grupo maioritario e do goberno ao que sustenta”. Lembrou que esta iniciativa é “repetida” coa reforma que no seu día encetou Manuel Fraga de elevar o mínimo para obter representatividade parlamentaria do 3 ao 5 por cento para frear a outras forzas políticas.

Anunciou que os socialistas están a elaborar unha proposta propia para mellorar o papel da Cámara autonómica e “non reducir, senón abrir o Parlamento e darlle utilidade para solucionar os problemas dos cidadáns, que cada vez son maiores”. Esta iniciativa seralle presentada aos demais grupos da Cámara para abrir o debate sobre a mesma antes de que remate o actual período de sesións.

Referéndum

O responsable socialista criticou as declaracións de Feijóo sobre esta cuestión, quen dixo que a reforma viña avalada por un “referéndum”, e dixo que “non é sostible a idea de que a presenten para cumprir o seu programa electoral”. Neste sentido, dixo que “sorprende que empecen por isto e non por cumprir as súas promesas de creación de emprego, que é o que a xente mais demanda”.

Engadiu que “os referéndums que interesan de verdade á sociedade e que afectan á súa vida diaria son a absoluta paralización económica, o ataque despiadado aos servizos públicos esenciais e o abandono das persoas que peor o pasan dinamitando os programas de loita contra a exclusión social e a pobreza”.

Puntualizou que “eses son os referéndums dos que se ten que preocupar, e non de coartar o labor de control do Parlamento sobre un goberno que está a ser nefasto para esta Comunidade Autónoma”.

Rexeitou ademais o argumento da redución de deputados polo aforro económico porque se trata dunha redución “testemuñal” nun Parlamento que vén de transferir 5,7 millóns de euros á Xunta como parte do excedente sen executar do orzamento do ano 2012.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar