A prórroga a Ence, aprobada con nocturnidade, alevosía, ocultación e premeditación

A prórroga a Ence, aprobada con nocturnidade, alevosía, ocultación e premeditación

Ence PontevedraO portavoz de Territorio do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, censurou hoxe a prórroga á factoría de Ence en Lourizán para os próximos 60 anos “feita por un goberno en funcións e coa complicidade da Xunta”. Na comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, o responsable socialista dixo que a decisión coñecida onte “pon en evidencia as continuas e reiteradas mentiras do PP”.

Sánchez Bugallo criticou a “nocturnidade, alevosía, ocultación e premeditación” á hora de pechar a concesión e garantir a presenza ininterrompida da pasteira na Ría de Pontevedra durante 115 anos “en base a un suposto investimento de 61 millóns que debera amortizarse en 20 – 25 anos”. O deputado socialista criticou duramente o “silencio cómplice” do goberno galego e o informe favorable da Xunta a ampliar a prórroga.

A decisión descobre as “mentiras e medias verdades” do PP dende o seu compromiso electoral do ano 2009 para retirar á factoría fora da Ría, ou o seu voto favorable no Parlamento a dito traslado. Mesmo o anterior conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, sostiña que a Xunta tería a última palabra aínda que a modificación da Lei de Costas suprimía o informe vinculante da Xunta.

Acusounos así de “ocultar os intereses do PP” para satisfacer as demandas da empresa “grazas a un goberno amigo e afín e unha Lei á medida”, concibida para “resolver a situación de Ence, Petronor Bilbao e Repsol, así como casos particulares como o de Formentera”, neste último cao a través dunha “escandalosa disposición da Lei” eliminada polo Tribunal Constitucional.

Medio Ambiente

O responsable socialista puxo en cuestión a política medioambiental do goberno galego durante a comparecencia da nova conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para dar conta das súas liñas de actuación. Lembrou que o goberno galego ten anunciado, logo de sete anos de goberno de Feijóo, que “agora vai comezar” a elaborar un documento de bases da súa política de Medio Ambiente.

Sinalou que o goberno galego dedicará en 2016 un total de 119 millóns de euros ás políticas de Medio Ambiente, apenas a metade do orzamentado en 2010. Destes, apenas 400.000 euros estarán dedicados á reciclaxe de residuos domésticos, mentres anuncia que Sogama reciclará no próximo ano apenas 15.000 toneladas de residuos do total de 300.000 que xestiona ao ano.

Sánchez Bugallo criticou ademais a “ridiculez orzamentaria” destinada polo goberno galego á Ordenación do Territorio, que suporá apenas o 0,1 por cento do orzamento da Xunta “incluíndo a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e todo”.

Lei de Solo

O responsable socialista criticou tamén a nova Lei do Solo presentada polo PP, que suporá unha “versión recortada, devaluada, empobrecida e carente de ningún obxectivo para protexer ao medio rural, á paisaxe nin o medio ambiente”, senón que “o seu obxectivo é favorecer a liberalización do solo”

Sinalou que o goberno galego terá que “modificar unha Lei mesmo antes de que se aprobe” para resolver a situación provocada en Vigo coa retirada do Plan Xeral de Ordenación Municipal, co que “o 9 de febreiro debateremos a Lei e o 10 traerán vostedes unha modificación puntual”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar