A política medioambiental da Xunta redúcese a "palabrería" e "paxariños preñados"

A política medioambiental da Xunta redúcese a "palabrería" e "paxariños preñados"

A política medioambiental da Xunta redúcese a “palabrería” e “paxariños preñados”

“Nós non cremos nos paxariños preñados”. Así resumiu a portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, as propostas do PP no debate dunha moción socialista no que o grupo maioritario rexeitou derrogar a prórroga de 60 anos a Ence, a retirada do canon de tratamento de residuos en Sogama imposto aos concellos ou a redacción dun novo Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático.

A deputada socialista cualificou de “palabrería” as propostas en materia de medio ambiente por parte do goberno galego logo de sete anos dunha xestión que “é calquera cousa menos responsable e solidaria”. Vilán lembrou que o goberno galego reduciu os fondos dedicados a medio ambiente nun 17 por cento con relación ao ano 2009, ademais de executar tan só a metade dos investimentos.

Negou así o anuncio da conselleira no pasado Pleno do Parlamento fronte a un suposto incremento orzamentario do 6,64 por cento, cando teñen paralizado o Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático. Ademais, sinalou, néganse a redactar un novo documento e votan contra o incremento do investimento en educación ambiental, a redacción dun plan de xestión do lobo e a reforma do Plan de recuperación do oso.

Patricia Vilán propuxo ademais medidas especiais de prevención, extinción e rexeneración de incendios forestais en zonas protexidas medioambientalmente e a potenciación de campañas de esterilización e promoción de tenza responsable de animais de compañía.

A deputada socialista reclamou a derrogación da Lei de Protección do Litoral, convertida, dixo, “nun mero eufemismo” para permitir a prórroga a Ence durante outros 60 anos e deixando sen rematar o plan de saneamento das rías galegas. Tamén esixiu a derrogación dos novos tributos impostos na “abusiva” lexislación de augas.

Finalmente, propuña a retirada “inmediata e urxente” do incremento do canon por tratamento de residuos e mesmo a elaboración dun novo Plan de Residuos Urbanos de Galicia adecuado á normativa comunitaria que supere o modelo “desfasado e esgotado” do PP.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar