A Lei de participación cidadá do PP "quere facer á xente invisible"

A Lei de participación cidadá do PP "quere facer á xente invisible"

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, dixo hoxe que a proposición de Lei do PP de Iniciativa Lexislativa Popular e de participación cidadá porque busca “facer á xente invisible” e que participe “por delegación vicaria” nos grupos parlamentarios. A Lei foi tomada en consideración e comezou o trámite parlamentario co voto en contra dos socialistas galegos.

O responsable socialista resumiu a oposición dos socialistas a esta proposición de Lei por ser “tramposa e baleira de contido”, presentada con “ánimo excluínte” e que “pisotea as competencias do Parlamento” ao lexislar sobre trámites parlamentarios que corresponden ao Regulamento da Cámara.

Méndez Romeu comparou o texto do PP coa proposición de reforma do Regulamento presentada polos socialistas “como base para un acordo, unha proposta sobre a que se pode construír, mentres sobre a súa só se pode disentir”. Acusou aos populares de “preferir normas excluíntes que sexan súas a normas integradoras”.

Reduciu a un “trampantoxo” unha proposición que impide que os cidadáns poidan formular preguntas ou queixas directamente a través da Comisión de Peticións, impide que os promotores das proposicións non de Lei poidan defendelas, impide a tramitación a través dos concellos. A proposta do PP “limita a participación cidadá á sinatura de papeis” e preguntou si “non é mais sinxelo abrir as portas do Parlamento e darlle voz directa aos cidadáns”.

O responsable socialista sinalou que a norma debatida hoxe, lonxe de cumprir coas expectativas creadas polo presidente da Xunta no denominado paquete reformista, foi incluída na orde do día para “vetar a comparecencia do presidente da Xunta sobre a situación económica ou de Sanidade sobre o colapso de urxencias” solicitadas polos socialistas.

Inseguridade xurídica

Méndez Romeu advertiu ademais da “inseguridade xurídica” que provoca esta norma, xa que ven derrogar a Lei de ILP aprobada en 1988 e reformada hai apenas 4 meses, repetindo o articulado nun “tecer e destecer lexislativo” para “engadirlle unha coma”. Lamentou a “incapacidade” do PP de innovar ao “traer un texto que repite literalmente” o xa aprobado previamente.

O portavoz socialista lembrou que o PP foi o mesmo que, a través da reforma da Lei de Estradas presentada a pasada semana, aplicaba unha “emenda á totalidade” da xestión do ex conselleiro de Obras Públicas, Agustín Hernández, reformando unha Lei presentada por este hai apenas ano e medio.

A continua modificación dos textos lexislativos polo propio PP supón, dixo, un “atentado ás necesidades deste país”, distraendo a atención sobre asuntos fundamentais, como o estancamento económico e a crise social de Galicia, cunha xeración enteira obrigada a emigrar.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar