A Lei de Inclusión da Xunta "chega tarde e sen orzamentos só para lavarlle a cara a Feijóo"

A Lei de Inclusión da Xunta "chega tarde e sen orzamentos só para lavarlle a cara a Feijóo"

A Lei de Inclusión da Xunta "chega tarde e sen orzamentos só para lavarlle a cara a Feijóo"

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, criticou o Proxecto de Lei de Inclusión Social que vén de ser presentado pola Xunta por canto “chega tarde, sen acordo cos concellos nin co sector, e sen orzamentos”. Explicou que o texto resulta “pouco resolutivo e incoherente” e foi presentado para “intentar lavarlle a cara a Feijóo”.

A responsable socialista anunciou unha emenda á totalidade en contra desta Lei que evidencia que a loita contra a exclusión social “non é unha prioridade do goberno de Feijóo”. Así o evidencia a práctica diaria dos recortes do goberno do PP, que ademais tardou 3 anos en presentar unha Lei á que se comprometera xa en 2010 e que agora chega co informe en contra da Fegamp e sen incluír as alegacións do terceiro sector.

Gallego advertiu que a presentación desta lei sen recursos e anunciando que a súa aplicación estará supeditada á dispoñibilidade de crédito augura que o goberno galego “conculcará os dereitos sociais que di defender”. Ademais, a Xunta incumpre o marco económico acordado con patronal e sindicatos e ignora aos concellos que “son os que teñen que traballar cóbado con cóbado coa Xunta na loita contra a exclusión social”.

Plan urxente

Carmen Gallego explicou que a medida que realmente pode axudar a reducir a exclusión social é un Plan urxente dotado de orzamentos para mellorar a situación dos mais de 662.000 galegos e galegas por debaixo do limiar da pobreza, as 93.000 familias con tódolos seus membros en paro ou os 33.000 fogares que non teñen ningún ingreso.

Ademais, considerou “fundamental parar a sangría de recortes que está empobrecendo ao país” e situando a milleiros de familias nunha situación límite. Dixo que a práctica da Xunta contradí a lei ao incumprir o seu propio Plan Galego contra a exclusión social, que está un 20 por cento por debaixo do gasto comprometido.

Criticou que o goberno galego está a ralentizar a Renda de Integración Social de Galicia –Risga-, incumpre a Lei de Servizos Sociais de 2008 ou desmantela a Lei de Dependencia “pola vía dos feitos”. Denunciou o copago en comedores e transporte escolar, a anulación da gratuidade dos libros de texto, ou a redución nas prazas de residencias da terceira idade.

Tamén denunciou a redución de 283 millóns de euros para políticas sociais detraídos en catro anos da Consellería de Traballo, que se unen aos 739 recortados á educación e os 847 de sanidade.

Minería

A responsable socialista salientou, en resposta a preguntas dos xornalistas, a importante protesta que tivo lugar esta fin de semana en Santiago de Compostela contra o Plan da Minería elaborado polo goberno galego. Dixo que “estamos de acordo en desenvolver a industria, pero esta ten que ser compatible coa protección do territorio” e lembroulle ao goberno galego que ten “a responsabilidade de velar polos intereses xerais do país”.

Tamén en resposta a preguntas dos xornalistas, Gallego advertiu a falla de liderado do goberno galego para acadar unha fronte común en defensa do sector naval galego diante da retirada das axudas polo tax lease.

Fronte ao desleixo do goberno galego, salientou o traballo constante dos socialistas galegos, con Pachi Vázquez á cabeza, para tentar de limitar o impacto dunha posible sanción pola aplicación das axudas ao naval en Galicia cando “no momento de ser aplicadas os estaleiros non incorreron en prácticas que foran contra as normas comunitarias”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar