A Lei de Estradas de Galicia é "opaca e recadatoria"

A Lei de Estradas de Galicia é "opaca e recadatoria"

A Lei de Estradas de Galicia é "opaca e recadatoria"

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, criticou que a Lei de Estradas de Galicia é “opaca, enlatada e con afán recadatorio”. Así o dixo no debate en Pleno desta Lei, aprobada cos únicos votos do PP e o voto en contra dos socialistas galegos, que advertiron que “abre a porta a novas taxas polo uso das estradas autonómicas”.

O parlamentario socialista lamentou a “posición inmobilista” do PP diante dun proxecto de lei “alleo ás aportacións da sociedade civil, alleo ás propostas extraparlamentarias e alleo ás emendas parlamentarias” presentadas polos grupos.

Denunciou que este proxecto de Lei “do Partido Popular” resulta “insensible co territorio, coa seguridade viaria e co patrimonio”, e advertiu que “abre a posibilidade a novas taxas, aumenta a contía das sancións e prepara expropiacións á medida”. Censurou que se trata dunha Lei “preaceptada polo Grupo Popular e feita a imaxe e semellanza do señor Feijóo coa única finalidade de satisfacer o seu ego”.

Acusou ao goberno galego de presentar unha lei “xenerosa só na parte expositiva” para presentala “como envoltorio de márketing a maior gloria do autobombo do señor Feijóo”. Ademais, a Lei oculta información, despreza as propostas da Fegamp e os axentes sociais, ignoras as alegacións do Consello Económico e Social, fai caso omiso aos informes da Asesoría Xurídica do goberno galego.

Taxas

O responsable socialista explicou que esta Lei sinala que “se poderán xerar recursos económicos mediante o establecemento de taxas” para os usuarios das estradas públicas galegas. Advirte que a Xunta quere recadar ingresos “en base a criterios de índole política”, e lembra que, ademais de contar coa oposición do Consello Económico e Social, non inclúe o informe da Dirección Xeral de Tributos.

Fernández denunciou que esta norma supón “novas medidas de presión e perdas económicas e de dereitos para os mais débiles”. Advertiu que, ademais de abrir a posibilidade de aplicar novas taxas, a Lei aumenta “inexplicablemente” as contías das sancións, regula as expropiacións “á medida do PP” buscando o seu abaratamento, e inclúe “incertezas legais”.

O parlamentario socialista subliñou que esta norma mantén as eivas da anterior Lei de Estradas, que data de 1994, xa que continúa sen establecer o conxunto de directrices ordenadoras do sistema viario de Galicia, e elude a colaboración con outros axentes e administracións con competencias na materia, como son as corporacións locais.

Ademais, continúan sen considerar as particularidades galegas en cuestións tan importantes como a seguridade viaria, ao esquecer os problemas da climatoloxía sobre as estradas e as necesidades de mantemento das estradas entre os diversos núcleos de poboación rural.

En definitiva, dixo, a Lei “se utiliza como contrapeso para agochar o forte descenso nos investimentos en materia de estradas” sufrido en Galicia dende a chegada de Feijóo. Lembrou que dende 2009 os fondos autonómicos para estradas reducíronse un 50 por cento en termos reais, pasando de 491 millóns de euros en 2009 a 244 en 2013, cun descenso acumulado de mais de 550 millóns de euros.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar