A Lei da Área Metropolitana de Vigo, "unha ferramenta cargada de futuro"

A Lei da Área Metropolitana de Vigo, "unha ferramenta cargada de futuro"

A Lei da Área Metropolitana de Vigo, “unha ferramenta cargada de futuro”

O deputado socialista Abel Losada dixo hoxe que a Lei da Área Metropolitana que ficará hoxe modificada dende o Parlamento de Galicia constitúe “unha ferramenta cargada de futuro”. Así o dixo no debate do texto, no Pleno da Cámara hoxe, logo de catro anos de bloqueo dun texto imposto dende a Xunta que foi roto, dixo, pola maioría absoluta de Caballero nas pasadas eleccións municipais.

O responsable socialista dixo que a nova norma garante “un futuro mellor para os cidadáns da Área Metropolitana, que veñen sufrindo de maneira dramática as políticas da dereita coa escusa dunha crise que eles non provocaron”. Advertiu que “se a Vigo lle vai ben, a Galicia iralle ben, e este é un bo paso para que a Galicia lle vaia ben”.

Sinalou que a modificación que previsiblemente será aprobada ao longo do día de hoxe “recupera o valor democrático da Lei de Área Metropolitana” que naceu con “déficits democráticos moi severos” polo empeño do PP de “gobernar Vigo dende fora”. A resposta da cidadanía, repetiu, foi que o PP pasara de 13 concelleiros a 7 e o PSdeG subira de 9 a 17, obrigando ao goberno galego a aceptar unha negociación “imposta polos cidadáns”.

Lamentou que o PP e o goberno galego teñan atesorado catro anos de bloqueo por intentar impoñer a gobernanza da cidade e limitar a calidade democrática vetando a presidencia do ente ao alcalde que representa ao 62 por cento da cidadanía. Considera “intolerable” que Feijóo pretendera limitar o peso executivo desta cidade ao 7,1 por cento cando conta coa maioría dos habitantes e dos fondos.

Sinala que a estratexia a curto prazo imposta pola Lei de 2012 supuxo unha “oportunidade perdida” para a cidadanía “cando a eficacia, a coordinación política e o aforro de fondos públicos tiñan que ser un elemento central”.

Así o demostra tanto a actitude do alcalde de Vigo, abrindo a rolda de contactos aos alcaldes da Área independentemente da súa cor política, e pola propia presidenta da Deputación Provincial, a socialista Carmela Silva, que superou o bloqueo do seu predecesor para ofrecer un apoio sen fisuras á Área.

Lembrou neste sentido que o PP, con 66.702 votos nos 14 alcaldes da Área, terá un total de 23 representantes na Asemblea, fronte aos 22 que terán os socialistas a pesares de sumar 85.057 votos, un 45 por cento máis. Subliñou que “se alguén fala de localismos e de competencia evidenciará que intenta agochar o seu sectarismo e incompetencia”.

Deu así a “benvida” ao PP a unha “nova realidade política” para asumir “a realidade económica, social, xeográfica e territorial” da principal cidade de Galicia e rectificar da “crónica dun fracaso anunciado” co que rachaban o consenso iniciado polo propio Manuel Fraga.

Emendas

A reforma da Lei da Área Metropolitana será aprobada incorporando unha das tres emendas presentadas polos socialistas galegos para garantir que a cidade de Vigo teña “un tratamento propio na dotación de servizos públicos por parte da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia semellante ao dunha capital de provincia”.

Lamentou sen embargo o veto do PP á proposta socialista para que a Área Metropolitana poida participar dos tributos estatais e autonómicos, especialmente, engadiu, cando “o vicepresidente Rueda gábase de dispor un financiamento ad hoc para as fusións metropolitanas de Oza e Cesuras ou Cerdedo e Cotobade, e cando o Estatuto de Capitalidade de Santiago garante fondos adicionais” para aquela cidade.

Tampouco aceptaron a emenda dirixida a resolver a posible incorporación de concellos que non presenten continuidade xeográfica coa Área, ou ben que se vexan afectados polo abandono doutro concello, como é o caso de A Guarda, que non ten fronteira con Vigo e dependería da decisión do Concello de O Rosal, que o rodea completamente.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar