A inacción da Xunta destrúe a industria e paraliza a economía galega

A inacción da Xunta destrúe a industria e paraliza a economía galega

A inacción da Xunta destrúe a industria e paraliza a economía galega

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, lamentou que a inacción da Xunta ten provocado a destrución da industria e a parálise da actividade económica galega. Así o dixo na comparecencia no Pleno do Parlamento do conselleiro de Economía e Industria para dar conta das directrices do seu departamento para a nova lexislatura.

O responsable socialista lamentou o desleixo do goberno galego, e dixo que “no medio da crise a Consellería de Economía e Industria non pode estar sesteando” logo de que o balance de catro anos de goberno sexa 40.000 empregos industriais perdidos dun total de 200.000. Sinalou que a crise industrial á que Feijóo ten sometido a Galicia supera en moito o peor momento da reconversión industrial dos anos 80.

Méndez Romeu reclamou “realismo na política” do goberno galego logo de que “fixeron promesas que non puideron cumprir” para os sectores produtivos galegos, nomeadamente o tax lease, a flota de buques que ía contratar Pemex, a garantía de prezos do leite, o desenvolvemento do eólico ou as axudas ás pemes mentres “expulsan ás enerxías renovables do mercado”.

Denunciou que a pasividade da Xunta na xestión das políticas industriais coincide co recorte drástico dos seus orzamentos. Sinalou que en catro anos reduciron á metade os programas de I+D mentres “só executan dous terzos”, en industria, enerxía e minas baixaron un 28 por cento, mentres só executan a metade, no Igape descendeu un 19 por cento pero só executan un terzo, e en comercio baixaron a metade e só executan o 50 por cento.

Apuntou que de acordo coas liquidacións orzamentarias, a Xunta “traballa pouco” e segue as directrices políticas de “non facer, non actuar” xa que, de acordo cos datos de 2008, a execución descendeu 20 puntos en investigación, 60 no Igape ou 50 no comercio.

Sinalou ademais que a Lei de Política Industrial, aprobada polo PP e presentada como “instrumento estratéxico” segue sen contar co Plan Director que estableza as actuacións concretas en política industrial.

Méndez Romeu advirte que a política industrial da Xunta continúa coas mesmas carencias, xa que “non ten nin estratexias de especialización intelixente para mellorar a competitividade, nin medidas consensuadas co sector para afortalar a competitividade e nin sequera un uso intelixente da contratación pública como medio de apoio ás pemes”.

O parlamentario socialista sinala que o sector naval constitúe o paradigma da actuación do fracaso do goberno galego, xa que a día de hoxe “non hai novas sobre o dique flotante do naval”. Lamenta que a súa actuación limítase a “dous barcos” por parte de Pemex para construír en dous anos e dar traballo a 500 persoas, mentres “do resto do naval non hai noticia” e acusou ao goberno de “dar por perdidos” 10.000 empregos.

Enerxía

O parlamentario socialista sinalou que a xestión do Goberno galego evidencia que Feijóo “trabucouse na política enerxética” ao eliminar o anterior concurso eólico provocando a “parálise total do sector”. O balance “desolador” é, dixo, “parálise dos novos parques, peche das fábricas de compoñentes, e fraude aos investidores” mentres a política enerxética do PP “está expulsando ás renovables do mercado”.

Dixo que “non hai nada no sector eólico excepto propiciar a súa desaparición, nada no sector da biomasa e nada no sector do autoconsumo” deixando ás enerxías renovables “no limbo”. Acusou á Xunta de “non considerar importante abrir vías para que algunhas empresas e consumidores poidan producir a súa enerxía sen custes para a administración”.

Fixo un balance semellante no tocante á Investigación, cun proxecto de Lei en trámite que supón unha “mostra do desinterese, unha lei que non fala de investigadores nin de recursos, só da burocracia”. Dixo que este proxecto amosa o “desinterese real” do Goberno galego polo sector, presentando unha norma excesivamente burocratizadora e realizada “de costas ás universidades e aos investigadores”.

Engadiu que, con relación ao comercio e consumo, o balance de catro anos de goberno resúmese na “destrución de milleiros de establecementos” coas consecuencias que ten para o tecido urbano e a calidade de vida dos cidadáns. Tamén demandou “rigor” na concesión de licencias de explotación mineiras diante os anuncios de “técnicas de explotación moi agresivas” para o territorio e o medio ambiente galego.

Moción

Méndez Romeu, denunciou tamén a “perversión do espírito democrático do Parlamento” por parte do PP. Así o dixo no debate dunha moción dirixida a garantir “transparencia” na actuación do Igape, idéntica a unha aprobada por unanimidade en febreiro de 2012 pero que hoxe foi rexeitada polo PP.

Dixo que a negativa do PP a esta iniciativa supón a súa “oposición ao cumprimento dos acordos deste Parlamento” ao cambiar de sentido de voto sobre o mesmo acordo. Acusou ao PP de converter en “papel mollado” os acordos do Parlamento, que son “menosprezados polo goberno” que tamén rexeitou 80 solicitudes formais de información enviadas polos socialistas no que vai de lexislatura.

Acusou ao PP de facer que “chegar a acordos no Parlamento non soamente careza de sentido, senón que acaba botándose en contra” pola manipulación dos mesmos por parte do goberno con fins propagandísticos para despois incumprilos “como se incumpren as resolucións aprobadas no Debate do Estado da Autonomía”.

Méndez Romeu presentou hoxe unha proposta semellante á aprobada no Parlamento de Galicia en febreiro de 2012 para mellorar a actuación deste organismo de impulso económico polo “incumprimento flagrante” por parte do goberno galego. Sinalou que esta “é a proba do deterioro da transparencia no goberno e da actitude propagandística que ten substituído á necesaria política económica”.

O responsable socialista denunciou a “reticencia” do PP e da Xunta a implantar a transparencia na acción de goberno e nomeadamente do Igape, que cualificou de “sorprendente” ao coincidir coas “datas nas que comeza a funcionar unha comisión parlamentaria para o estudo da prevención da corrupción”.lembrou que “o primeiro mecanismo de loita contra a corrupción é a transparencia, o contrario do que se practica”.

Modelo produtivo

Os resultados, engadiu, “están á vista, con cifras de desemprego históricas, con sectores produtivos arrasados, como o sector naval, o eólico e tantos outros” provocando que “en Galicia nin sequera esteamos en condicións de cambio de modelo produtivo”.

Explicou que a situación do Igape, teoricamente dirixida á reactivación económica, resulta sintomática da actuación do goberno galego, cunha “perda alarmante de actividade e un grao de execución orzamentaria do 30 por cento no pasado ano”. Lembrou que mentres en 2008 a Xunta executaba 199 millóns de euros, un 94 por cento do orzamento aprobado, actualmente executan 60 millóns, un 32 por cento do orzamento.

Dixo que “sestear é o verbo acaído para definir o labor actual do Igape”, un organismo que rebaixou a súa eficacia un 60 por cento en catro anos “sen que a Xunta fixera nada” para solucionar a situación do organismo da Xunta con mais directivos de libre desiganción, e que “xunto con Xesgalicia ten 30 directivos con salarios a partir de 50.000 euros”.

A iniciativa socialista reclamaba así a mellora da execución orzamentaria, a mellora da transparencia e da eficiencia da Axencia, e información sobre oito empresas “inmersas na chamada porta xiratoria, con directivos que ingresan no Igape para preparar unha externalización da que logo serán beneficiarios como adxudicatarios”.

Tamén reclamou información sobre as “tramas de intereses” que teñen o organismo como eixo “ou algún caso como a Fundación Porto de Vigo, de nula actividade, para coñecer o interese do Igape na promoción da súa ex presidenta e actual titular do Consello Económico e Social.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar