A fusión de concellos é un "señuelo" para agochar a incapacidade de Feijóo

A fusión de concellos é un "señuelo" para agochar a incapacidade de Feijóo

A fusión de concellos é un "señuelo" para agochar a incapacidade de Feijóo

O viceportavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, dixo hoxe que a fusión de concellos anunciada por Feijóo supón un “señuelo” para agochar a súa incapacidade. Así o dixo logo de que o PP rexeitara unha proposición non de Lei para que a Xunta entregue un estudo formal sobre as posibles fusións de concellos.

O responsable socialista advertiu que co seu voto en contra o PP “levanta acta de que fica retirado o señuelo adiantado polo presidente da Xunta” con relación á fusión de concellos que cualificou de “ocorrencia” do presidente da Xunta. Dixo que evidencia que “carecen de folla de ruta e de crenzas firmes en política local” e que “nada existía máis alá do soño dunha mañá de primavera”.

Así o sinala  tamén, dixo, a rebelión de alcaldes do PP contra a fusión de concellos impulsada por Feijóo, Rueda e os presidentes da Fegamp e da Deputación da Coruña, que amosan a súa “fonda preocupación” por un proceso do que “30 días despois non dixeron nada nin aos veciños nin á oposición” nas reiteradas solicitudes de documentación.

Lembrou así a protesta e disconformidade dos alcaldes do PP diante do que consideran unha “perda de idiosincracia dos pequenos concellos rurais e a conseguinte repercusión na vida local e na prestación de servizos”. A estes sumáronse, lembra, os presidentes das deputacións de Ourense e Pontevedra, tamén integrantes do PP.

Advertiu que ata hoxe non se coñece “ningún estudo nin proposta sobre as fusións que analice a repercusión nos impostos que pagan os veciños, nos servizos que reciben ou no seu impacto na vida local”.

O parlamentario socialista presentou por este motivo esta proposición non de Lei na que insta ao goberno galego a presentar na Cámara autonómica, nun prazo de dous meses, un estudo sobre as repercusións das posibles fusións de concellos, rexeitada polo PP. Reclamou unha análise que tome en consideración “os aspectos de viabilidade económica, integración fiscal e de servizos, así como a afección na prestación de servizos públicos”.

Ausencia de diálogo

Méndez Romeu lembra que, malia que a fusión voluntaria de concellos está recollida por lei dende hai 25 anos, a súa nula aplicación “é sinal dos problemas de fondo existentes”, e advertiu que a Xunta “evita o diálogo político e cidadán” tal e como sucedeu coa Lei da Área Metropolitana de Vigo, e advirte que “só pretende acordos de imaxe, sen contido real”.

O responsable socialista apunta que a Lei prevé o referéndum local para asuntos relativos ao interese xeral, co que “estamos diante dunha boa ocasión para impulsalo” e pregunta á Xunta e Goberno central si van facilitar estas consultas con relación á fusión de concellos.

Prestidixitador

Méndez Romeu considerou que o voto de hoxe do PP evidencia que a fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras, anunciado polo presidente da Xunta no pasado debate do Estado da Autonomía, supón un  “coello branco” amosado por Feijóo a modo de prestidixitador “para agochar a falla de resultados na economía e na sociedade galega logo de tres anos de goberno do PP”.

Sinalou que o anuncio é unha “ilusión” aínda sen perfilar e que no mellor dos casos non vai supoñer “ningún aforro de orzamentos ou mellora da atención e servizos á cidadanía”. Explicou que estes concellos teñen poboación recesiva e taxas de reposición por debaixo da media nacional, polo que “a fusión non resolverá problemas demográficos e manterá un hábitat disperso con custos notables para a prestación de servizos”.

Así, dixo que o proceso “merece unha análise que explore os obxectivos perseguidos, os datos económicos, demográficos e de xestión que xustifiquen o proceso, así como o coñecemento das axudas que outras administracións poidan aportar para garantir o éxito do proceso”.

Neste sentido, explicou que o goberno galego debe explicar qué pasará coa xestión e os custos de recollida de lixo, abastecemento de auga, ou o acceso aos centros de saúde e de ensino”. Explicou que “os veciños e veciñas de Oza e Cesuras merecen saber qué tipo de repercusións vai ter na súa vida cotiá unha fusión que sorprendentemente foi decidida na sede do PP en lugar de nas rúas dos concellos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar