A fosilización do paro constata o fracaso de Feijóo

A fosilización do paro constata o fracaso de Feijóo

Méndez Romeu Xunta PortavocesO portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, anunciou hoxe que a pregunta ao presidente do próximo Pleno do Parlamento estará centrada na situación do desemprego en Galicia, a “constatación do fracaso” da xestión de Feijóo á fronte da Xunta. O responsable socialista criticou a “autocomplacencia” do goberno galego, que “adopta a estratexia Rajoy de non facer nada”.

Os datos do desemprego no mes de xaneiro, que rexistrou en Galicia o terceiro maior incremento do Estado, evidencian unha “fosilización” do desemprego, que pasa a ser “un problema estrutural” coa consolidación do paro de longa duración, a precarización dos novos empregos e a imparable perda de postos de traballo e de poboación en idade produtiva.

Alertou que o goberno galego responda “non actuando e permitíndose mesmo unha valoración positiva” cuns datos peores en Galicia que no resto do Estado e a cifra de desempregados “moi lonxe da que atopou en 2009”.

O responsable socialista criticou tamén o veto do PP á solicitude de comparecencia do Grupo Socialista para que o goberno galego dea conta das medidas previstas “en relación co presunto caso de acoso sexual do presidente da Deputación de Ourense” e do PP daquela provincia, que vén de ser imputado polo xulgado.

Iniciativas

O próximo Pleno do Parlamento incluirá dúas mocións socialistas sobre as consecuencias dos recortes nas bolsas universitarias dende o Estado e a Comunidade Autónoma e sobre as listas de espera na aplicación da Lei de Dependencia, na que reclaman os 111 millóns de euros que lle adebeda o goberno central a Galicia.

Tamén incluirán dúas proposicións non de Lei para realizar un paquete de medidas para corrixir a situación demográfica de Galicia para frear a emigración de mozos e mozas e facilitar o seu retorno e sobre a modificación normativa que impide pensións derivadas dos dereitos de autor dos creadores e creadoras de Galicia.

Os socialistas galegos presentarán unha interpelación sobre a precaria situación das unidades ou consultas de psicoxeriatría e dúas preguntas sobre a paralización da oferta formativa da Xunta para o uso de pesticidas na agricultura e a redución das subvencións ás Anpa para actividades extraescolares.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar