A falla de chan industrial curtocircuita o desenvolvemento de Galicia

A falla de chan industrial curtocircuita o desenvolvemento de Galicia

A falla de chan industrial curtocircuita o desenvolvemento de Galicia

O portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou hoxe á Xunta de “curtocircuitar o desenvolvemento industrial de Galicia” ao levar unha política de chan industrial “contraria” ás necesidades das empresas galegas. Así o dixo no debate dunha moción na que reclamou habilitar os terreos da Plisan e un Plan Galego de dinamización e promoción dos parques empresariais, que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista dixo que o caso da Plisan resulta “a mellor metáfora” da “fracasada” política industrial do goberno galego. Sinalou que a Xunta “ofrece chan industrial onde non é necesario e o restrinxe onde hai alta demanda”, como é o caso da Plataforma Salvaterra – As Neves, unha “leira” de 3 millóns de metros cadrados de chan empresarial abandonados onde se creou unha lagoa de 17 metros de profundidade.

Losada esixiu un “compromiso do goberno galego co tecido produtivo da Área Metropolitana de Vigo, que necesita ese chan e que ve cómo dende hai 187 meses, cando Fraga anunciou a Plisan, hai espazo para factorías e centros produtivos” pero permanece abandonado.

Sinalou que, malia ás críticas do goberno de Feijóo, o único momento en que a Plisan tivo actividade coincidiu precisamente co goberno de Touriño, entre 2007 e 2008, cando se realizaron movementos de terras. Sen embargo, tanto antes, co goberno de Fraga, como despois, co de Feijóo, non houbo apenas ningunha intervención.

Lamentou o desperdicio de investimento público no proxecto, que dende 2009 en teoría foron investidos 48 millóns de euros en expropiacións que os propietarios denuncian que non se pagaron, 20 millóns para movementos de terras, 7,7 de dereitos mineiros ou 3,5 de indemnizacións aos propietarios da zona de especial protección forestal afectada.

A estes investimentos, dixo, cumpre engadir 22 millóns para a construción dunha autovía que “remata nunha ringleira de xestas, cando temos os portos exteriores de Ferrol e A Coruña literalmente sen accesos”. Sinalou ademais os 14,7 millóns de euros para urbanización que anunciou a conselleira na súa última intervención, e que “bascularon dende os 44 millóns ata os 13,5 que anunciou a súa Consellería para a mesma actuación”.

Iniciativa

O parlamentario socialista reclamoulle ao goberno galego, a través desta moción, que nun prazo de 3 meses peche as datas nas que o chan industrial estará a disposición das empresas, unha data definitiva de remate da ETAP e da Edar, imprescindibles para comezar a actividade económica, un Plan de incentivos financeiros para a instalación de empresas na Plisan e pechar, antes de 2017, os pagos pendentes polas expropiacións.

A moción socialista incluíra ademais o desenvolvemento, en 3 meses, dun Plan Galego de dinamización e promoción dos parques empresariais galegos, no que participen tódalas áreas do goberno concernidas e os representantes dos parques empresariais de Galicia. Ademais, incluíu a demanda dunha liña específica de axudas ao financiamento de compra de chan industrial que permita competir cos prezos de Portugal.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar