A executiva do PSdeG nomea a Guillermo Meijón Coordinador do Grupo nas Cortes Xerais para marcar a acción do Partido “fronte un presidente da Xunta agochado e rendido a Rajoy”

A executiva do PSdeG nomea a Guillermo Meijón Coordinador do Grupo nas Cortes Xerais para marcar a acción do Partido “fronte un presidente da Xunta agochado e rendido a Rajoy”

A executiva do PSdeG nomea a Guillermo Meijón Coordinador do Grupo nas Cortes Xerais para marcar a acción do Partido “fronte un presidente da Xunta agochado e rendido a Rajoy”

A Executiva Nacional do PSdeG nomeou esta tarde o deputado Guillermo Meijón como coordinador do grupo parlamentario socialista nas Cortes Xerais (deputados estatais e senadores) para marcar a acción do partido en Galicia de cara ao período de sesións que comeza en febreiro “fronte un Presidente da Xunta agochado e rendido a Rajoy, que non é quen de plantar cara e defender os galegos ante o maior recorte de dereitos e liberdades da democracia”. Así o dixo hoxe a secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, logo da xuntanza da Executiva.

A estrea de Meijón nesta labor producirase na Comisión Interparlamentaria prevista para o vindeiro sábado 25 de xaneiro, na que os parlamentarios estatais reuniranse co grupo de deputados galegos, coordinado por José Luis Méndez Romeu. A secretaria de Organización, Pilar Cancela, reuniuse tamén durante as datas de Nadal cos diferentes grupos de traballo da Executiva do PSdeG para establecer os plans de traballo do partido nos diferentes ámbitos en coordinación co grupo parlamentario.

Cancela trasladou que os socialistas lamentan que Feijóo “queira ser o alumno avantaxado de Rajoy en medidas que van contra a cidadanía e poña o partido por riba dos intereses da xente” en cuestións como as continuas subas de taxas neste comezo de ano, os recortes nos servizos públicos e os repagos como o hospitalario, “un asunto no que quere ser o primeiro da clase” cando outros líderes do PP se están rebelando en toda España, entre eles a propia secretaria de Organización do partido, María Dolores de Cospedal. Desde o PSdeG esixen ademais que o presidente da Xunta “deixe de autopromocionarse cun amago de crítica no tema do aborto para limpar a imaxe de súbdito de Rajoy” e deixe clara a súa postura “de forma contundente” e explique se quere eliminar a lei de prazos por unha de supostos, “o que sería un retroceso de dereitos inadmisible”.

Tamén censuran os socialistas a “desaparición” de Feijóo e do Goberno tras a venda de NCG, “un tema no que de xeito incrible ninguén deu aínda a cara despois da perda de galeguidade do sistema financeiro galego”, e a pesar das peticións urxentes de comparecencia por parte do PSdeG. Os socialistas reclaman coñecer as condicións e as garantías asinadas para a fluidez do crédito, a resolución dos problemas dos preferentistas e o mantemento dos postos de traballo, así como explicacións sobre onde irán os 8.000 millóns de euros públicos que se perden na operación. Por outra banda, a Executiva galega tratou tamén a folla de ruta de cara ás primarias do PSOE, coa data clave do Comité Federal do 18 de xaneiro en Madrid no horizonte, nun proceso que “supón un avance que sitúa o partido socialista, coma sempre, na vangarda democrática”.

A dirección socialista asinou así mesmo un acordo na que marca a folla de ruta para recuperar a normalidade política interna en Ourense, no que advirten de que “calquera incumprimento” do establecido en dito acordo a partir de hoxe levará consigo “a adopción inmediata das medidas disciplinarias” dos estatutos do Partido.

ACORDO CENG PARA RECUPERAR A NORMALIDADE POLÍTICA INTERNA EN OURENSE

  1. Esixir que de inmediato, se recupere a normalidade política no Grupo Municipal Socialista do Concello de Ourense.
  2. Respectar o alcalde de Ourense no exercicio lexítimo das súas competencias no ámbito institucional.
  3. Esixir a todos os membros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense o cumprimento estrito das súas obrigas como tales membros do Grupo e, por extensión, as que teñen como afiliados e afiliadas e cargos públicos do PSdeG-PSOE.
  4. Calquera incumprimento, a partires deste momento, do establecido neste acordo levará consigo a adopción inmediata das medidas disciplinarias correspondentes segundo o establecido da normativa reguladora aplicable e nos estatutos do PSdeG-PSOE.
  5. Requirir da Agrupación Municipal de Ourense que, unha vez rematado o procedemento de información requirida aberto con ocasión dos feitos acontecidos o 13 de decembro de 2013, se lle de traslado á CENG das actuacións realizadas .
  6. Requirir da Agrupación Provincial de Ourense un informe polo miúdo en relación coa labor de arbitraxe desenvolvida neste conflito en consonancia co establecido no Art. 18 da Normativa Reguladora dos Cargos Públicos, lembrándolle que, de acordo co establecido no Artigo 52.u) dos Estatutos Nacionais, unha das súas funcións como órgano executivo provincial é a de contribuír á resolución dos conflitos internos que xurdan no ámbito provincial.
  7. Trasladar este acordo á Comisión Executiva Federal a efectos informativos así como o correspondente da Comisión Executiva Nacional Galega, unha vez recibida a información solicitada ás Agrupacións Municipal e Provincial de Ourense.
  8. Delegar neste asunto á Secretaria de Organización a tramitación, no seu caso, do expediente e informes necesarios de acordo co disposto nos Estatutos Nacionais e nos Regulamentos do PSdeG-PSOE, así como a inmediatez das decisións que tiveran que adoptarse ao respecto.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar