A dirección socialista esixirá en todos os concellos a Feijóo o rexeitamento do repago hospitalario

A dirección socialista esixirá en todos os concellos a Feijóo o rexeitamento do repago hospitalario

A dirección socialista esixirá en todos os concellos a Feijóo o rexeitamento do repago hospitalario

A nova Executiva cumpre un mes de actividade "no que a prioridade dos socialistas foron os problemas dos cidadáns e no que comezaron con total normalidade os cambios de funcionamento interno", como afirma o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro

O PSdeG anuncia a posta en marcha dunha mesa sectorial sobre demografía, aproba varios acordos da mesa de Sanidade e terá unha reunión de alcaldes e voceiros o mércores para tratar “as medidas de asfixia aos concellos e veciños” como os repagos ou a taxa do lixo

O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, informou á Executiva da proposta do Grupo Socialista para que o exreitor da USC Senén Barro sexa nomeado membro do Consello Galego de Universidades “pola súa experiencia, criterio e traxectoria”

ExecutivaA Executiva Nacional do PSdeG, encabezada polo secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse esta tarde e aprobou varias medidas propostas pola mesa sectorial de Sanidade sobre asuntos “urxentes e de gravidade para os galegos e galegas”. Entre elas, os socialistas decidiron presentar en todos os concellos galegos mocións para solicitarlle á Xunta a non aplicación da Resolución do 10 de setembro que implanta o repago hospitalario para patoloxías graves e doenzas crónicas, así como instar ao Goberno galego e que o Estado retire dita resolución. A nova Executiva cumpre un mes de actividade “con atención absoluta aos problemas dos cidadáns, como o desemprego, o modelo financeiro e os servizos públicos e con normalidade nos cambios de funcionamento interno, que se irán producindo pero non son a preocupación prioritaria do partido”, como afirmou Gómez Besteiro, que compareceu ante os medios xunto coa Secretaria de Organización, Pilar Cancela, e o Secretario de Política Municipal, Valentín González Formoso.

Os socialistas defenden que “a asistencia sanitaria gratuíta e de calidade é un dereito constitucional dos cidadáns” e destacan que “a competencia nesta cuestión é da Xunta e a medida é responsabilidade do Goberno de Rajoy coa complicidade de Feijóo”, máis aló de que os concellos que poidan traten os problemas causados para as persoas con poucos recursos económicos como “unha situación de emerxencia persoal provocada polo señor Feijóo”.

Creación dunha mesa sectorial sobre demografía
O secretario xeral anunciou a creación e posta en marcha dunha mesa sectorial sobre demografía no partido para tratar o despoboamento, “un dos problemas máis graves de Galicia”, tras a presentación dun informe inicial na Executiva desta tarde por parte da Secretaría de Políticas Demográficas. Gómez Besteiro quere darlle prioridade absoluta a este tema, no que xa foi o primeiro dirixente institucional de Galicia en impulsar un grupo de traballo no que convidou a todas as administracións, impulsou publicacións e creou a área provincial de demografía na Deputación de Lugo.

Asimesmo, a Executiva do PSdeG aprobou outras resolucións da mesa de Sanidade ademais da relacionada co repago, como o rexeitamento ao financiamento das infraestruturas sanitarias do Sergas por medio das concesións de obra pública, xa que este sistema está a incrementar a débeda pública galega, que con Feijóo pasou de representar o 8,7% sobre o PIB ao 16,8%, segundo datos do Banco de España. O socialistas fan referencia ao préstamo solicitado por Feijóo no BEI para a concesionarioa do Hospital de Vigo “que non lle dá Rajoy e que vai hipotecar as familias galegas para os próximos 25 anos”.

Os socialistas rexeitan tamén o incremento do imposto de hidrocarburos, “que nin é céntimo nin é sanitario” porque “non é finalista para a sanidade pública” e piden que a Xunta dispoña da súa competencia para incrementar o tramo do IRPF para as rendas máis altas coa fin de aumentar a recadación. Outro dos temas tratados na sectorial de Sanidade e aprobados pola Executiva galega é o posicionamento contra a Lei de Garantías sobre os tempos de espera na Sanidade que está a debater o Parlamento, por ser “inviable, un fracaso e un exemplo de demagoxia”, como xa se está a comprobar en Madrid. Os socialistas afirman que “a libre elección indiscriminada non é real nin é posible, porque 2,7 millóns de galegos non poden elixir nin os mellores centros nin os mellores especialistas, porque os descoñecen, porque sería materialmente imposible e porque non hai información transparente para comparar a calidade da atención sanitaria”. Esta Lei, din, “proporciona unha coartada á Xunta e o Sergas para eludir a súa responsabilidade.

Outra das decisións anunciadas por Gómez Besteiro é a celebración dunha xuntanza de alcaldes e voceiros socialistas este mércores pola tarde para tratar a “asfixia aos concellos e aos veciños por parte das políticas da dereita” tras os continuos repagos e suba de taxas como a do lixo de Sogama.

Consello Galego de Universidades
O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, informou tamén á Executiva da proposta do grupo socialista para que o exreitor da USC Senén Barro sexa nomeado membro do Consello Galego de Universidades, órgano consultivo no que o PSdeG pode achegar a proposta para a designación dun dos membros. Gómez Besteiro explicou que esta decisión “é unha aposta pola experiencia e o criterio que pode aportar Senén Barro e un recoñecemento á impecable traxectoria” deste Doutor en Física e tamén catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago desde 1995.

Gómez Besteiro informou ademais á dirección do partido dos cambios na secretaría xeral e na Executiva da provincia de Lugo tras o Congreso celebrado a pasada fin de semana. A dirección do PSdeG analizou ademais a situación económica actual do partido e as posibles accións encamiñadas á adecuación da débeda e a estrutura do persoal.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar