A CRTVG censura a información sobre a situación do Consello Consultivo

A CRTVG censura a información sobre a situación do Consello Consultivo

A CRTVG censura a información sobre a situación do Consello Consultivo

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denunciou hoxe o exercicio de “censura” e “manipulación informativa sistemática” por parte da CRTVG, nomeadamente no relativo á situación do Consello Consultivo. Na Comisión da CRTVG, Vilán preguntou pola decisión de obviar a petición de dimisión do presidente polo “dano irreparable” que lle fai ao órgano.

A responsable socialista saudou que o director xeral da CRTVG recoñecera hoxe a lo menos que “aquel día os responsables dos servizos informativos non acertaron na relevancia da noticia”. A portavoz de Xustiza pedira daquela a dimisión de Costa Pillado por contar con sentenzas xudiciais en contra por alterar as condicións do persoal e por escoller “a dedo” aos letrados, pero a TVG decidiu transmitir unha valoración do AVE.

Vilán lembroulle que a CRTVG é un medio de comunicación público, financiado con cartos públicos e que debe transmitir tamén a opinión da oposición política, e non só “funcionar como un apéndice ao servizo do Goberno e do PP, a pesares dos magníficos traballadores cos que conta”.

Sinala que “o que ocorreu é para nós unha clara vulneración da legalidade vixente e das obrigas dun medio público que debera funcionar baixo parámetros democráticos”, e que debe facer da “información veraz” e da súa “independencia” un dos “primeiros motivos da calidade do seu servizo”.

Conciliación

A deputada socialista Noela Blanco considerou hoxe “vergoñenta” a resposta do director xeral da CRTVG á condena por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por vulnerar o dereito á conciliación laboral dunha traballadora que pedía o cambio de xornada. Blanco preguntou por este caso na Comisión da CRTVG, ao que o responsable do ente respondeu anunciando un recurso contra a sentenza.

A responsable socialista lamentou hoxe que o responsable do ente teña optado por “insistir en recorrer e continuar defendendo un informe da mutua que, de acordo co TSXG, foi elaborado a convenciencia” para xustificar a denegación da conciliación. Sinala que o dito informe é “a escusa perfecta” para continuar dando unha “resposta lamentable e decepcionante” a unha demanda que é un dereito constitucional fundamental.

Noela Blanco esixiulle ao director xeral da CRTVG unha resposta “exemplarizante” por parte dun ente público á hora de defender o dereito de homes e mulleres a conciliar a vida laboral, familiar e persoal. Reclamou ademais unha regulación “dunha vez por todas” dos procesos de traslado entre centros de traballo e as solicitudes de cambio de quenda, suxeitos á arbitrariedade da dirección.

Os socialistas galegos preguntaron hoxe pola solicitude de acollerse á quenda de fin de semana por parte dunha traballadora que necesitaba o horario para coidar dunha filla pequena e dunha nai en situación de dependencia. A petición foi denegada nunha decisión condenada polo TSXG co pago de 2.000 euros de indemnización e o pago da gardería da que tivo que facer uso mentres non tivo o horario que solicitaba.

Blanco subliñou que o propio tribunal sinalou na súa sentenza que a resposta da CRTVG, en base ao dito informe da mutua, “supón unha inapropiada actitude paternalista descoñecedora tanto da decisión de autodeterminación da traballadora demandante coma do carácter constitucional do dereito de conciliación”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar