A consellería de Medio Ambiente non chega nin a "un cuarto de ambiente" polo seu orzamento raquítico

A consellería de Medio Ambiente non chega nin a "un cuarto de ambiente" polo seu orzamento raquítico

A consellería de Medio Ambiente non chega nin a “un cuarto de ambiente” polo seu orzamento raquítico

A portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, denunciou hoxe que a consellería que dirixe Beatriz Mato conta cun “orzamento raquítico”, ademais de que en setembro non estaba executado nin o 45% do seu orzamento de 2016. A isto súmase que a aprobación da Lei de Acompañamento lle resta todas as competencias en materia forestal e a contaminación mariña tampouco depende dela: “Vai acabar xestionando a consellería dun cuarto de ambiente”, ironizou.

A socialista preguntoulle á conselleira se “está satisfeita” de que a empresa ENCE non teña feito nada despois de que se cumpra un ano da prórroga da concesión por 60 anos, a pesar de que as esixencias medioambientais mudan cada 15 anos. Ademais, reprochoulle o incumprimento de todos os obxectivos marcados hai un ano.

Na loita contra o cambio climático, censurou que non exista o documento de bases para unha estratexia neste senso, a pesar de telo prometido para antes do remate de 2016, e no plan de residuos preguntou polo proxecto do novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame, a pesar de que no Plan de Residuos Industrias 2016-2022 negan a súa necesidade. Vilán criticou tamén o “modelo obsoleto e absolutamente continuísta” de Sogama, sen recollida selectiva e con insuficiente información, como recolle a propia memoria da sociedade pública. A socialista lamentou tamén que “para 2017 seguimos a ter un orzamento de Sogama nutrido dos ingresos dos cidadáns”, co incremento da taxa do lixo dun 25,5%, sen que a conselleira “fixese nada para eliminalo”.

En materia de infraestruturas, a deputada lembrou o incumprimento das obras prometidas na ría de Pontevedra, a EDAR de Praceres, a de Poio, a de Santiago ou a de Ribeira, “con 475 denuncias por problemas de salubridade”, o que leva “ao desastre” ás rías, como advertiu a Unión Europea. “Por certo, vostedes votaron onte en contra da emenda do PSdeG para o saneamento das rías”, lembrou. Vilán advertiu de que este “desastre” leva a Galicia a non ter obtido o recoñecemento de bo estado ecolóxico das augas en 2016, como esixe a Directiva Marco da Auga do ano 2000.

Patricia Vilán lamentou tamén que non haxa rastro de promesas como a Rede Galega de Espazos Protexidos ou a Estratexia de Paisaxe Galega, ademais do atraso de máis de 13 anos na aprobación do plan reitor das Illas Atlánticas. No referente a urbanismo, criticou a Lei do Solo como “un instrumento para favorecer a liberalización do chan” en Galicia, e a escasa importancia que se lle dá á ordenación do territorio, con só 2,6 millóns nos orzamentos para xestión do planeamento desde o Instituto de Estudos do Territorio, dos que un 80% son para pago do persoal. Por último, lamentou que o anuncio dunha nova Lei de Protección Animal servise “só para un titular de prensa”, e lembrou que Galicia leva esperando desde 2008 por un novo plan do lobo.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar