A Consellería de Educación presume de aumentar 64 millóns o seu orzamento logo de recortar 500

A Consellería de Educación presume de aumentar 64 millóns o seu orzamento logo de recortar 500

A Consellería de Educación presume de aumentar 64 millóns o seu orzamento logo de recortar 500

A portavoz de Cultura e Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, criticou hoxe os orzamentos da Consellería de Cultura e Educación, que considera “decepcionantes” nas súas cifras e “baleiros de proxectos e ideas”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro na Comisión de Orzamentos, na que lle reprochou que saúde un aumento de 64 millóns de euros logo de ter reducido 500 dende 2009.

A responsable socialista sinalou que a este ritmo “tardaremos décadas” en recuperar o nivel que tiñan a cultura e o ensino público en 2009, o ano da chegada de Feijóo á Xunta. Anunciou o rexeitamento dos socialistas aos orzamentos deste departamento porque se limitan a “publicidade e propaganda” e “profundizan nos seus erros políticos e na falla de impulso á educación, á cultura e á lingua”.

Burgo acusou ao conselleiro de intentar disfrazar a carencia de profesores anunciando unha taxa de reposición do cen por cen e convocando apenas 109 novas prazas de mestres e outras 78 de funcionarios, o que “non agocha que temos unha carencia de máis de 1.000 docentes” no ensino público. Uns profesores aos que lles devolverán unha pequena parte do seu salario “pero non devolven o poder adquisitivo perdido”.

A deputada socialista advertiu que a Xunta “non garante o acceso do alumnado aos materiais didácticos necesarios” xa que “continuamos sen gratuidade dos libros de texto”, pola negativa de Feijóo a recuperar o modelo de Touriño, máis eficaz e barato que o que impuxeron a continuación. Sinalou ademais a falla de partidas para mantemento e reposición de infraestruturas nos centros educativos, así como para FP Dual.

Burgo explicou ademais que as partidas dedicadas ao ensino universitario non inclúen os 407,22 millóns de euros que lle corresponderían para o ano 2017 de acordo co Plano de Financiamento. En termos absolutos, dixo, “non estamos nin á altura dos 412 millóns de euros de 2011, co que en termos constantes estamos mais ben alá polo ano 2006”.

Lingua e cultura

A parlamentaria socialista censurou que o goberno galego tan só lle dedique 6 millóns de euros á política lingüística, o que evidencia a “falla de vontade política para o impulso da normalización da lingua”. Este foi o programa que máis reduciu Feijóo dende 2009, quitándolle o 70 por cento dende 2009 e deixándoo mesmo 20 millóns de euros por debaixo do orzamento que lle dedicaba Fraga en 2004.

En canto á cultura, dixo, “profundizan nos erros cometidos nos anos anteriores”, logo de reducir á metade o seu orzamento dende 2009 para un apartado que supón apenas o 0,6 por cento dos orzamentos do goberno galego, e que ademais ten que xestionar os xigantescos gastos improdutivos da Cidade da Cultura. Advertiu que a falla de apoio do goberno galego provocou a caída xeneralizada das industrias culturais, especialmente agudizada no libro, cunha redución do 25 por cento na produción das editoriais galegas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar