Os socialistas acusan a Xunta e PP de “condenar aos galegos e galegas a máis paro, máis pobreza e máis exclusión social”

Os socialistas acusan a Xunta e PP de “condenar aos galegos e galegas a máis paro, máis pobreza e máis exclusión social”

Os socialistas acusan a Xunta e PP de “condenar aos galegos e galegas a máis paro, máis pobreza e máis exclusión social”

María Quintas lamenta que o PP rexeite no Parlamento un acordo para impulsar o emprego e limitar a contratación temporal

Advirte que a Xunta pasou de investir 2.500 euros por persoa parada a tan só 648 dende a toma de posesión de Feijóo

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, María Quintas, acusou hoxe a Xunta e PP de “condenar aos galegos e galegas a unhas políticas que só xeran mais paro, mais pobreza e mais exclusión social”. Así o dixo no debate dunha moción que pedía un acordo a favor do emprego recuperando o investimento en políticas activas de emprego e limitar a contratación temporal, que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista reclamou volver aos niveis de investimento en políticas activas de emprego de 2009, ano no que Feijóo accedeu á Xunta. Sinalou que dende entón o desemprego aumentou un 70 por cento en Galicia, mentres o goberno galego recortou as dotacións orzamentarias nun 65 por cento, pasando de investir 2.500 euros por persoa parada a tan só 648, un descenso do 74 por cento.

Quintas denunciou que as políticas do PP teñen provocado o maior crecemento da desigualdade social, co maior incremento rexistrado no empobrecemento cidadá, chegando ata os 600.000 galegos e galegas por debaixo do limiar da pobreza. Estas son as consecuencias, dixo, dunha ideoloxía privatizadora que substitúe os dereitos pola caridade.

Apuntou que dende a chegada de Feijóo á Xunta hai 181.000 ocupados menos e 115.000 parados mais, cun peor reparto do PIB, reducindo drasticamente os salarios, coa mesma contundencia coa que aumentan os beneficios das empresas.

Explicou que mentres a remuneración dos asalariados diminuíu ata o 42,7 por cento, as rendas salariais aumentaron ata o 47,7 por cento, en termos absolutos, os asalariados perderon 1.532 millóns de euros, mentres os beneficios aumentaron 1.588 millóns.

Quintas esixiulle ao goberno galego que “abandone o desleixo” e tome medidas para afrontar uns niveis de paro “históricos” con 296.900 parados, 130.000 dos cales, o 47 por cento do total, que non perciben “ningunha prestación”, fronte a 12.000 que perciben a renda de inserción. A realidade, dixo, é que 64.000 persoas desempregadas teñen que vivir con 426 euros ao mes e outras 83.000 reciben 797 euros de media.

A responsable socialista sinalou que hoxe hai mais de 100.000 fogares galegos con tódolos seus membros no paro, e acusou ao PP de utilizar a crise económica para cambiar o modelo social e provocar o peche de 4.000 empresas en Galicia mentres obrigan a 130.000 mozos e mozas a emigrar.

Acordo marco

A proposta socialista reclamáballe á Xunta potenciar acordos marco “que poñan en valor a calidade do emprego, evitando o encadeamento de contratos temporais e fomentando a estabilidade laboral”. Sinalou que, hoxe, o 91 por cento dos contratos son temporais, mentres o 30 por cento dos asalariados cobran por debaixo do Salario Mínimo, mais do 50 por cento das cales nin sequera chegan á metade desta contía.

A deputada socialista instou a reforzar o Servizo Público de emprego “potenciando a orientación laboral e incrementando o persoal promotor e orientador”, mentres o goberno galego respaldou a decisión do Executivo central de expulsar dos servizos públicos de emprego a 220 orientadores laborais en Galicia.

Os socialistas galegos reclamaban ademais a derrogación dunha reforma laboral “que precariza o emprego e abarata os despedimentos e os salarios” e queren que o PP se pronuncie fronte a unha lexislación que “lonxe de mellorar a situación económica de España está afundindo as economías domésticas e impedindo a reactivación económica”.

Na súa iniciativa reclamaba ademais incrementar o investimento en formación profesional para o emprego ata os niveis dos países de referencia “como canle de adquisición de coñecementos, habilidades e destrezas axeitados ao traballo”, así como facilitar a capacitación necesaria en competencias clave a persoas demandantes e recuperar o salario galego de inserción.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar