Gómez: “O PP quere a incineradora en Ourense a toda costa”

O portavoz socialista na Deputación Provincial, José Ignacio Gómez, lamenta “a indecencia do Partido Popular, que o único que demostrou hoxe é que está a favor de que se instale na provincia de Ourense unha incineradora de lixo, e que o alcalde do Carballiño quixo lavarse a cara diante dos cidadáns cando viu a contestación social que tiña esta planta entre os seus veciños”.

Explica que a moción debatida hoxe foi a única que aceptaron debater, xa que a que non circunscribía a instalación a ese punto quilométrico exacto foi vetada polo PP, “un comportamento bochornoso que de seguro indigna aos cidadáns”.

Gómez considera “o colmo que se fale da incineradora como un elemento de equilibrio territorial. “Equilibrio ou reequilibrio, das dúas formas nos vale, é precisamente o que lle falta ao Goberno de Feijóo con esta provincia, que só quixo traer para Ourense o lixo de todo o sur de Galicia”.

O deputado socialista sinala que “a adxudicación a dedo da planta pola porta de atrás a unha empresa que non presentou proxecto ao que facer alegacións pero do que si sabemos leva asociado un vertedoiro, é un atento administrativo”, e lembra que “as urnas non lexitiman todo”.

Durante o pleno, Gómez recriminou duramente as mentiras do PP sobre o Parque Medioambiental de Carballeda de Avia, que prohibía específicamente a incineración de residuos, e insiste en que se a incineradora é mala para o alcalde do Carballiño tamén o é para os demais alcaldes, e para todos os veciños da provincia de Ourense, sexan de onde sexan.

Ademais, a deputada Mónica Vázquez preguntou pola auditoría anunciada sobre as contas do Teatro Principal, que presentan un gasto de 1.018.000 euros e uns ingresos de tan só 20.000 euros, menos dun 2%.

Por último, a deputada Elvira Lama preguntou pola actuación da Real Banda de Gaitas na voda da filla do deseñador Adolfo Domínguez, da que non hai factura pese a que se dixo que a pagaba o solicitante, se hai algún tipo de regulamento da banda e se “se enviou a banda a máis vodas, se se envía a todo o mundo ou só a determinadas celebridades da provincia”.

Os comentarios están pechados