García: “O apoio do PP de Ourense á moción do PSdeG sobre a incineradora do Irixo deixa a Feijóo no mais absoluto dos ridículos”

O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, sinalou que o PP de Ourense deixou hoxe a Feijóo “no mais absoluto dos ridículos” ao apoiar a moción do PSdeG contra a instalación dunha incineradora no concello ourensán do Irixo, na comarca do Carballiño.

Así, “o que Feijóo cualificaba onte de debate de segundo nivel, converteuse hoxe nun ridículo de primeira orde para o propio Feijóo”, apuntou García.

Afirmou que “mentres Feijóo pretendía reducir este debate a unha cuestión quilométrica, o PP de Ourense optou hoxe por desafiar ao presidente do seu partido e presidente do Goberno galego e apoiar unha moción na que se descarta o emprazamento da incineradora no Irixo proposto pola Xunta”.
O socialista subliñou que “discrepancias deste calado son as que xustifican a decisións de Feijóo de aprazar o Congreso do PP ata despois das eleccións, co fin de evitar que se fagan visibles as diferencias, cada vez maiores, no seo do PP, e mais concretamente co PP de Ourense”.

Os comentarios están pechados