Losada esixe a Feijóo “acción de goberno” para recuperar o diferencial positivo de crecemento da economía

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, reclamou hoxe a Feijóo “acción de goberno” para asumir un cambio de rumbo que recupere a economía galega. Así o dixo logo de constatar que a economía galega volve crecer menos que a estatal, perdendo definitivamente o diferencial acadado durante a pasada lexislatura.

Advertiu que o PIB galego situouse de novo dúas décimas por debaixo do Estatal -0,5 fronte ao 0,7- logo de estar por riba de forma consecutiva entre 2006 e 2010 grazas ao impulso do goberno socialista. Dixo que “tanto os datos como a falla de explicacións e discurso político por parte do Goberno amosan o fracaso da política económica de Feijóo”, como quedou evidenciado no pasado Pleno do Parlamento.

O responsable socialista sinala que as intervencións dos conselleiros de Economía e de Traballo demostraron “unha lamentable falla de proxecto e de ideas” ao optar polo “desánimo, o derrotismo e tirar a toalla fronte á crise”. En opinión de Losada, a única estratexia do goberno galego pasa por “ir de acto en acto de propaganda mentres esperan tranquilamente a que pase a crise”.

Sinalou que “a situación económica esixe que o presidente da Xunta faga algo máis que amosar power points e pagar publicidade” e de presentarse a un Pleno do Parlamento no que mentres os socialistas interpelan sobre as alternativas económicas o goberno cae no “desencanto e o desánimo máis absolutos carentes de ideas e liderados”.

Advertiu que “mentres deixan que a crise pase pola dinámica do mercado van deixando polo camiño un número crecente de damnificados” e optan por “levar adiante os maiores recortes dos servizos públicos da nosa historia”. Dixo que detrás da redución das condicións do ensino ou a sanidade e das condicións laborais dos empregados públicos atópase unha “cuestión de incompetencia e ideoloxía”.

Losada explicou que “canto máis recorte Feijóo provocará uns servizos públicos de peor calidade, provocando unha maior dualización e mellores condicións para os servizos privados”. Considerou “absolutamente incomprensible” que os maiores recortes coincidan cunha “política de crecente endebedamento como nunca antes na historia da nosa autonomía”.

Escribe un comentario