Acuña preguntará no Parlamento polo desaloxo de membros de SOS Sanidade Pública cando recollían sinaturas

A parlamentaria socialista, Carmen Acuña, ven de presentar unha serie de iniciativas no Pazo do Hórreo, co fin de esclarecer a razón que motivou o desaloxo das persoas que estaban a recoller sinaturas en apoio dunha iniciativa lexislativa popular en defensa da Sanidade Pública.

O pasado sábado, día 11 de febreiro, os membros da Plataforma SOS Sanidade Pública se desprazaron a recoller firmas ante o Palacio da Ópera da cidade da Coruña,aproveitando a esperable afluencia das persoas que asistiran á presentación das comparsas do Antroido.

Unha vez alí, e para sorpresa dos membros da plataforma en defensa da sanidade publica e impulsores desa iniciativa lexislativa popular que busca impedir os recortes e a privatización da sanidade galega a Policía instounos a retirarse e suspender a recollida de sinaturas.

A Plataforma SOS Sanidade Pública iniciou unha recollida de firmas en todo o territorio galego para poder sacar adiante unha iniciativa lexislativa popular que propón evitar os recortes e a privatización da sanidade galega.

O obxectivo é reunir 15.000 firmas antes do 27 de maio e facer que a cidadanía galega tome conciencia da importancia que ten poder contar cun sistema sanitario publico gratuíto e universal e de calidade como tiñamos ata agora, polo que resulta difícil de comprender para o grupo parlamentario socialista ese desaloxo, especialmente “cando non provocaba ningún tipo de desorde nin alteración publica e tratándose ademais de algo tan sensible como é a saúde de todos”, afirma Acuña.

Escribe un comentario