Gallego esixe explicacións á Xunta sobre os continuos bandazos nas decisións sobre a Lagoa da Frouxeira
A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG e portavoz desta área do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Carmen Gallego, considera que a vista das últimas actuacións emprendidas pola Xunta de Galicia “o Goberno galego debe explicar os constantes bandazos na toma de decisións sobre a Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño”.
Gallego apuntou que “tanto os colectivos ecoloxistas como nos mesmos asistimos asombrados ante o actuar da Xunta dende que se produciu a enchenta da lagoa, a finais do ano pasado”. Deste xeito lembrou que “,primeiro negaron o problema, despois o recoñeceron pero non actuaron xustificando que non llo permitían nin o Parlamento de Galicia nin a Unión Europea”.
Nese senso a deputada advertiu que “cando esta falsidade se lle ía desmontando aduciron que había que rematar un estudo que tiña que dar as solucións pertinentes, agora comezan a actuar sen que dito estudo se coñeza”.
A responsable de Medio Ambiente lembrou que “dende o PSdeG estivemos dándolle ao Goberno galego, ata o día de hoxe, unha marxe de confianza porque entendemos que este é un problema de difícil solución, xa que hai que conxugar o benestar dos veciños co respecto polo medio ambiente, nun espazo protexido destas características”.
Sen embargo, apuntou “a Xunta pouco a pouco coas súas actuacións nos foi desconcertando cada vez máis, tanto a nos, como a propia cidadanía”. Por isto, adiantou Gallego “imos solicitar no Parlamento toda a documentación científica e técnica que avala esta actuación, así como polos custes económicos”.
A responsable de Medio Ambiente advertiu que “seguiremos vixiantes os traballos que se iniciaron para comprobar o seu impacto e idoneidade coa poboación e co medio natural”.








