Gallego pide a Hernández que amplíe o prazo de alegacións á Lei de Caza e estableza diálogo cos colectivos
A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG e portavoz desta área no Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Carmen Gallego, remitiu hoxe unha carta ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, a fin de reclamar a ampliación do prazo de alegacións ao proxecto de Lei de Caza, co obxecto de que as organizacións e axentes implicados poidan presentar as súas propostas.
Gallego considera insuficiente o prazo de 20 días para a presentación de alegacións que establece a Consellería, tendo en conta que este proxecto non foi consensuado previamente cos axentes e colectivos.
A responsable de Medio Ambiente sinala que mantivo encontros con ONGs conservacionistas, organizacións de caza, sindicatos agrarios e outros axentes relacionados, a fin de coñecer o seu punto de vista sobre este proxecto.
“Todos coincidimos en que é necesario modificar a actual normativa para adaptala ás novas realidades de conservación e protección da natureza e da actividade cinexética, pero tamén consideramos que un proxecto de lei deste calado debería ser presentado unha vez escoitadas todas as partes”, apunta.
Gallego engade na carta remitida ao conselleiro que o deber das administracións públicas é “velar por limar as diferenzas e buscar puntos de acordo que axuden ao entendemento e respecto mutuo, fundamentalmente nunha actividade como a caza, que suscita diversas controversias”.
“Por iso, antes de que este anteproxecto fose público tiña que haber un diálogo con todas as partes, que non existiu”, sinala.
Por elo, e dado que o Parlamento é inhábil neste mes de xaneiro, Gallego remitiu ao conselleiro esta carta para solicitarlle que o prazo dado para consulta ás organizacións se amplíe “e nese tempo poidan emprender un diálogo con todas as organizacións implicadas, de xeito que este anteproxecto poida nacer do consenso”.








