Verdes denuncia a “situación dramática e de completo abandono” do agro galego por parte do Goberno de Feijóo

A deputada Sonia Verdes denunciou hoxe en Ourense a “situación de completo abandono do agro galego” despois de case tres anos de goberno de Feijóo, que presenta “unha situación dramática” cunha profunda crise que afecta especialmente ás provincias do interior, polo recorte indiscriminado de axudas a gandeiros e agricultores e a paralización das políticas de dinamización do sector impulsadas polo anterior Goberno.

Verdes valorou moi negativamente o nomeamento fronte ao Ministerio de Agricultura ao “ministro das vacas tolas, que tan nefasta foi para Galicia a súa xestión”, e a desaparición por primeira vez na historia das consellería do Mar e do Medio rural, relacionadas con sectores estratéxicos da nosa comunidade.

A deputada considera un agravante que, ademais de tomar esta decisión política enmascarada de austeridade pero que non supón ningún tipo de aforro, se poña ao fronte destas políticas a Rosa Quintana.

Lembrou que a propia Quintana recoñeceu descoñecer os problemas do agro galego, demostrou o seu perfil político, e ser implacable e insensible aos problemas do sector cando, por exemplo, suprimiu as axudas ás mariscadoras.

Sobre o nomeamento do novo secretario Xeral de Montes, o Tomás Fernández Couto, afirmou que é unha volta ao pasado, ás políticas de hai 20 anos.

Así, tildou de “preocupante” que a Sra. Quintana asuma Medio Rural cando hai cuestión moi importantes sen resolver, e concretamente cando na provincia de Ourense pretenden instalar unha planta incineradora de lixo nun concello con influencia nunha área de importante produción vitivinícola e onde está a maior cooperativa de leite ecolóxico.

“Queremos saber cal vai a ser a posición de Quintana, se vai defender os intereses dos viticultores, dos gandeiros e dos agricultores da comarca”, dixo.

Por outro lado Verdes lembrou que no pasado ano 2011 quedaron arrasadas arredor de 36.400 hectáreas en Galicia, a meirande parte na provincia de Ourense, onde máis de 5.000 explotacións gandeiras do Macizo Central están esperando unha solución á falta de pastos.

“Ese gandeiros quedaron sós porque en Ourense non había un delegado territorial senón que había un delegado no Bernabeu”, recordou.

Tamén sinalou a aprobación da Lei Montes como cuestión pendente que marcará o vindeiro ano, e necesita dun consenso. Así, apuntou que os socialistas apostan por volver as políticas que priman a prevención e non a extición dos lumes forestais, como vén facendo a Xunta dende que Feijóo chegou ao Goberno.

Neste sentido recordou que foi a UME quen asumiu a extinción dos incendios do pasado verán pese a ser unha competencia da Xunta, e que nos orzamentos da Xunta para 2012 hai unha partida para os convenios de colaboración cos concellos para a extinción, e non para a prevención.

Por este motivo Verdes advertiu ao PP que os socialistas non consentirán a Feijóo que agora delegue as súas competencias nos Concellos, e esixirán un liderado de Galicia para influír na toma de decisións no novo ministro de Agricultura e se teñan en conta as peculiaridades e necesidades dos agricultores e gandeiros galegos.

Recordou tamén está pendente a reforma da PAC, “que tal e como está establecida será moi prexudicial para a explotacións galegas, porque o PP non fixo os deberes e non resolveu o problema dos gandeiros en canto ao acceso ás terras cando se van a ligar as axudas da PAC á superficie”.

Incineradora do Irixo

Na mesma rolda de prensa a secretaria de Medio Rural Provincial, Sandra Álvarez, reafirmou o rexeitamento dos socialistas á “fabulosa idea” de Feijóo de instalar no Irixo unha planta incineradora de lixo, e sinalou que “no Irixo non a queren”, tal e como o demostra a manifestación do pasado sábado na que participaron 2.500 persoas “do Irixo, da comarca e de fóra da comarca, só faltaba”.

Así, a edil socialista no concello de Piñor, pediu respecto ao alcalde do Irixo nas súas declaracións, porque “os veciños teñen suficientes motivos para manifestarse”, ao que engadiu que na comarca tampouco a queremos e o Partido Socialista rexeita a incineración.

Sobre as manifestacións do delegado da Xunta, Rogelio Fernández, a dirixente socialista afirma que “os curas fan o seu papel que é estar ao lado da xente, do seu pobo, da súa parroquia”. “Non sei se é que cando chegue o Obispo a cousa vai cambiar, supoño que non”, dixo, ao que engadiu que “lendo hoxe a prensa supoño que a mellor ubicación para a icineradora é Arnoia”.

Álvarez apuntou que os socialistas asisten “atónitos á ambigüidade do PP”, cando despois do discurso “ponga unha incineradora en su vida” do Parlamento e do silencio de Baltar, Marnotes aprobou a moción contra a incineradora máis dun mes despois e tras votar en contra da nosa moción na Deputación.

Así advertiu que “a pelota está no seu tellado” e “o Sr. Baltar debe pronunciarse canto antes”. Ademais dixo que “o PP viu no negocio do lixo un negociazo”, xa que se trata dunha adxudicación a dedo a unha empresa privada “que vai vir a aproveitarse de nós, nin máis nin menos”.

Por último explicou que si hai alternativa á incineración, como contemplaba o Plan de Residuos 2007-2017 que Feijóo desbotou ao chegar ao Goberno, e que en Piñor conseguiron reducir 30.000 quilogramos de lixo ao ano sen moito gasto, algo que o resto dos concellos poden facer.

Os comentarios están pechados