Máxima repulsa e condena ao asasinato dunha muller pola súa ex parella en Carral
A secretaria de Igualdade, Movementos Sociais e Emigración do PSdeG, Laura Seara, expresou hoxe a máxima repulsa e condena dos socialistas galegos ao asasinato dunha muller pola súa ex parella en Carral (A Coruña).
Seara lamentou así este novo caso de violencia de xénero que custou a vida a unha muller, a terceira falecida na nosa comunidade no que vai de ano a mans da súa parella ou ex parella.
Fixo por elo un chamamento ao compromiso de toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero. “Só a mobilización e concienciación cidadá e o compromiso de gobernos e institucións poden facer fronte a unha inmensa crueldade como a violencia de xénero”, sinalou.
Por elo, Seara fixo un chamamento a “cada persoa, familia, institución e comunidade, para que poñan todo o seu esforzo en erradicar a violencia contra as mulleres dende o primeiro momento, denunciando e axudando ás vitimas a denunciar”.
“Só xuntos podemos loitar contra esta lacra social”, sentenciou, á vez que animou tanto ás vitimas como ao seu entorno a denunciar dende o primeiro momento “para evitar nin unha soa morte mais”.








