García critica que Feijóo “visite os incendios de tapadillo” e esíxelle que dea a cara ante os veciños e alcaldes
O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, criticou hoxe que Feijóo visite “de tapadillo” os incendios forestais, despois de ter coñecemento que o presidente da Xunta se puxo en contacto con alcaldes da provincia de Ourense para acudir esta tarde a zonas afectadas polos lumes. En concreto, fixo sendas paradas de apenas dez minutos en Piñor e Lobios.
García cualificou de “covarde” e “vergoñenta” a actitude de Feijóo, e sinalou que esta visita “sen luz nin taquígrafos” ten como único obxectivo evitar tanto as “preguntas incómodas dos medios de comunicación como as críticas e queixas de veciños e alcaldes, que levan días sufrindo a nefasta xestión da Xunta en materia de incendios e reclamando máis medios para a súa extinción”.
O socialista contrastou ademais a “visita a escondidas” que realizou hoxe Feióo coa súa actitude en 2006, cando estaba na oposición e “non dubidou en sacarse unha foto portando unha mangueira e facendo que apagaba un lume”.
Feijoo lamentou que o presidente da Xunta “se esconda cando ten que dar a cara, que fuxa dos veciños e dos alcaldes cando ten que responder pola flagrante neglixencia do seu goberno, que desmantelou a metade das brigadas de extinción de incendios e deixou sos aos veciños fronte ao lume”.
García lembrou que os galegos e as galegas están á espera de que o Goberno galego os axude a rematar con esta dramática situación, e non precisan a un presidente que prefire ocultarse en lugar de dar a cara e aportar solucións.
A comisión de seguimento dos lumes constituída polo PSdeG de Ourense visitará maná a mesma zona do Concello de Piñor onde estivo hoxe Feijóo de tapadillo, para replicar así á actitude covarde de Feijóo.








