Besteiro ofrece a Feijóo un novo pacto polo financiamento autonómico para defender os intereses de Galicia en Madrid

Besteiro ofrece a Feijóo un novo pacto polo financiamento autonómico para defender os intereses de Galicia en Madrid

Besteiro ofrece a Feijóo un novo pacto polo financiamento autonómico para defender os intereses de Galicia en Madrid

O líder dos socialistas galegos denuncia que o “matrimonio de inconveniencia” entre Feijóo e Rajoy teñen situado a Galicia nunha “espiral de empobrecemento” e desemprego

Advirte ó Presidente da Xunta que, se a liña política do PP non cambia, “replantexaremos o noso papel na FEGAMP”

Besteiro anuncia un novo paso en favor da transparencia: a Executiva renunciará a votar nas decisións do Comité Nacional Galego para evitar controlar as decisións deste órgano

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un chamamento a seguir construíndo como a mellor maneira de deixar á dereita sen argumentos. Polo que anunciou que a pesar “da actitude soberbia e pouco construtiva” de Núñez Feijóo, que rexeitou todos os pactos dos socialistas, “cando en breve haxa que falar en serio de financiamento autonómico, o Presidente da Xunta poderá seguir contando co Partido Socialista para ir a Madrid cunha postura forte que defenda os intereses de Galicia”. Así o dixo na intervención de apertura da xuntanza do Comité Nacional Galego, o máximo órgano entre congresos dos socialistas galegos.

Gómez Besteiro chamou hoxe a constituír un PSdeG “forte, unido e renovado” centrado en loitar “pola liberdade e polo emprego” para os galegos e galegas. Animou ós socialistas a volver á cidadanía, constituíndo unha “verdadeira alternativa de goberno” nun camiño que comezou coa celebración de eleccións primarias para escoller ao secretario xeral. Sinalou que o verdadeiro éxito deste proceso “ten que radicar en empoderar ás nosas bases para que cada vez haxa mais militantes que escollan aos mellores candidatos”.

Apostou por incrementar a capacidade de decisión das bases e anunciou a constitución de mesas sectoriais que reforcen a estrutura sectorial do partido e recollan o “caudal intelectual” da militancia para conformar unha serie de propostas de goberno. Ademais, anunciou que a partir deste cónclave, a Executiva renunciará a votar nas decisións do Comité Nacional Galego para evitar controlar as decisións deste órgano.

Confirmou o compromiso do partido coa democracia e a transparencia no exercicio de servizo público, aplicando medidas para prever e sancionar calquera acción irregular e frear a corrupción nas administracións. Dixo que mentres o PP “aplica unha dobre vara de medir” escudando os procesos xudiciais dos seus cargos como asuntos privados, os socialistas anticipan as responsabilidades políticas ás consecuencias penais”.

O líder socialista chamou ademais á coherencia en “cada unha das estruturas en que se divide o partido” e avogou por “demostrar cohesión interna”, porque “no momento en que todos rememos na mesma dirección, estaremos a pór a primeira pedra firme para o cambio”.

Defensa do municipalismo

Gómez Besteiro advertiu que o ataque aos concellos constitúe o núcleo da estratexia do PP para derrubar a primeira barreira de protección dos mais desfavorecidos, “alí onde os socialistas nos facemos fortes”.

Reclamoulle a Feijóo que “rectifique a política de ataque aos concellos e evite a supresión de competencias que aprobou o seu partido en Madrid”, ou do contrario, “ímonos a replantexar tanto o noso papel como a nosa posición na FEGAMP”.

Lembroulle que “cada vez que di NON ás nosas propostas, queda en evidencia diante da sociedade galega”. Exemplos disto foron as reiteradas negativas de Núñez Feijóo para acordar pactos polo emprego, o sistema financeiro, a mellora dos servizos públicos, a rexeneración democrática, a PAC e a política pesqueira, a enerxía, por un prezo xusto no tratamento dos residuos ou pola defensa dos intereses dos concellos fronte a unha Lei de Réxime Local recentralizadora e profundamente ideolóxica.

Espiral de empobrecemento

O líder dos socialistas galegos acusou ao “matrimonio de inconveniencia de Rajoy e Feijóo” de situar a Galicia nunha “espiral de empobrecemento” con 280.000 desempregados e desempregadas, sumando o carto ano consecutivo con descenso da poboación e duplicando en só cinco anos a débeda pública acumulada en toda a historia da Comunidade Autónoma.

Advertiu que hoxe a débeda pública de Galicia xa supera todo o orzamento de 2014 e se sitúa en 9.131 millóns de euros, incumprindo o teito imposto polo seu propio goberno. A xestión de Feijóo, dixo, levouno a ter que dedicar a pagar a débeda neste ano tanto como o que destinará a Educación ou Sanidade, constituíndo “a terceira Consellería da Xunta de Galicia” lastrando as espetativas de crecemento para 2014.

Gómez Besteiro chamou a presentar solucións de goberno fronte a un “goberno de Feijóo que non sabe xestionar, que non ten ideas, un goberno desaparecido e un presidente da Xunta mais preocupado do que din del en Madrid ou da próxima viaxe polo Caribe que dos problemas dos galegos e das galegas”.

Mentres, criticou, emprega unha maioría absoluta acadada con menos dun cuarto do censo electoral para afastarse do consenso á hora de gobernar e mesmo para cambiar as regras do xogo democrático reducindo unilateralmente o número de escanos no Parlamento de Galicia.

Máis propostas

O líder dos socialistas galegos propuxo saír da espiral de empobrecemento de Feijóo a través dunha reordenación económica dos recursos, apostando pola produción e reindustrialización, e investindo na creación de emprego de calidade. Tamén reclamou apostar pola igualdade e o equilibro social e asumir que o investimento social e a educación son unha base do crecemento socioeconómico.

Gómez Besteiro finalizou a súa intervención agradecendo o servizo do eurodeputado galego Antolín Sánchez Presedo e dando a benvida ao novo candidato do PSdeG no Parlamento Europeo, José Blanco, “que vai a seguir demostrando dende Europa o seu compromiso cos galegos e galegas”. Da súa man, dixo, os socialistas defenderán unha Europa inclusiva, de crecemento e igualdade, fronte ao PP que “intentará desvirtuar estes comicios”.

Sinalou que “un triunfo dos socialistas na UE significará a recuperación da esperanza na política para os cidadáns e cidadás”, restaurando a creación de emprego, o fin da austeridade e o maior investimento en políticas de crecemento. Chamou a “estar fortes e unidos para loitar contra calquera síntoma de impotencia democrática do poder político fronte aos mercados”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar